O PP reclama ao Concello que solicite de inmediato unha autorización provisional que permita o baño en augas do Parrote

O PP reclama ao Concello que solicite de inmediato unha autorización provisional que permita o baño en augas do Parrote
A portavoz municipal, Bea Mato, considera que é unha cuestión de vontade e que en menos dunha semana poderíanse adoptar as medidas necesarias para permitir o seu uso con todas as garantías 
Lamenta que desde a colocación dos carteis coercitivos o Concello non dese nin un paso para evitar que os coruñeses non gocen da zona este verán 

A portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello, Bea Mato, insta o goberno local a que presente de modo inmediato unha solicitude #ante a Autoridade Portuaria cunha proposta que permita o uso para o baño na zona do Parrote, con todas as garantías.

Mato sinalou que “tras a aparición dos sinais que advirten da prohibición de bañarse nesta zona, o Concello non fixo nada para conseguir que os coruñeses poidan gozar do baño neste lugar”, especialmente frecuentado nos meses de verán.

A xuízo da portavoz municipal, “é unha cuestión de vontade”. Considera que acoutar unha zona con boias, analizar a calidade das augas e establecer as medidas de seguridade oportunas “é un trámite que se pode resolver nuns días e habilitar o baño polo menos durante a última metade deste verán”, solución que contaría cun amplo respaldo dos usuarios e veciños.

“O que non parece de sentido común ─engadiu Bea Mato─ é colocar os sinais e darlle as costas a unha cuestión que provocou o natural rexeitamento dos usuarios”. Constatou que desde xurdiu esta polémica “o goberno local non fixo nin unha soa xestión para buscar unha solución que redunde no beneficio dos veciños” e conformouse con prohibir e ameazar con sancións. “Se o Concello quixese, a semana que vén os coruñeses poderían volver bañarse alí”, indicou.