O PP insta o goberno local a que aclare o futuro do campo de fútbol de Eirís e das instalacións que actualmente utiliza o club

O PP insta o goberno local a que aclare o futuro do campo de fútbol de Eirís e das instalacións que actualmente utiliza o club
A portavoz do grupo municipal popular, Bea Mato, lembra que o convenio da venda de chan a Hijos de Rivera garantía a construción dunha instalación homologada en substitución do desaparecido campo municipal da Grela II 
Tras unha reunión coa sociedade deportiva de Eirís, onde comprobou a precariedade do campo e das zonas de uso común do club, pide ao actual goberno que actúe con celeridade para que os máis de 80 nenos federados conten cunha área deportiva digna 

A portavoz de Grupo Municipal do PP, Bea Mato, insta o goberno local a que aclare o máis axiña posible o futuro do campo de fútbol de Eirís, pendente desde hai anos dunha reforma integral e que na actualidade non ofrece as condicións mínimas esixibles para a práctica do deporte.

Mato visitou as instalacións, acompañada polo presidente do Club Deportivo Eirís, Mariano Rodríguez-Navas, o concelleiro popular Roberto García e varios directivos da entidade. Durante a visita, os directivos lamentáronse de estado de incerteza que lles xera este descoñecemento e abandono, que repercute na práctica deportiva dos máis de 80 nenos federados na sociedade deportiva, aos que se suma o equipo de modestos e un proxecto para poñer en marcha un equipo de fútbol feminino.

Bea Mato comprobou “in situ” a precariedade das instalacións nas que desenvolve a súa actividade o club, tanto o campo que xa debería estar reformado polo convenio con Estrela Galicia, como o baixo que empregan como almacén, vestiario e ducha, e cuxa cesión está agora ameazada.

Os directivos lembraron que a reforma do campo para homologalo foi un compromiso do anterior goberno local e que, aínda que estivo uns meses paralizado pola aparición duns restos arqueolóxicos, a día de hoxe non hai impedimento algún para que o Concello presente o proxecto e execúteo, dado que xa figuraba nos orzamentos de 2018. Denuncian que xa tiveron que suspender varios adestramentos polos fallos na iluminación do recinto e que foron obxecto de varios roubos nas súas dependencias.

Mato cualificou a situación de “sorprendente”, xa que lembrou que o convenio subscrito polo anterior goberno local con Hijos de Rivera contemplaba o financiamento necesario para a construción do novo campo para paliar a desaparición do da Grela. “A Marea Atlántica pasará á historia como o único goberno local que pechou o seu mandato con menos unha instalación deportiva no seu balance”. Pide, por tanto, á actual alcaldesa “que actúen con celeridade para garantir a supervivencia do Eirís S.D. e dotar á cidade das instalacións deportivas necesarias para preservar o dereito á práctica deportiva”.