Bea Mato quere converter A Coruña nunha cidade amable cos animais domésticos

Bea Mato quere converter A Coruña nunha cidade amable cos animais domésticos
Propón un novo modelo de atención e convivencia coas mascotas baseado nos dereitos dos animais e na concienciación e esixencia de responsabilidade aos seus donos 
Pretende garantir o sacrificio cero nas dependencias municipais, reservar espazos en zonas verdes e praias, e poñer en marcha un novo centro municipal de acollida animal 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, debullou esta mañá as súas propostas para atender ás demandas dos propietarios de animais domésticos, pero ao mesmo tempo para garantir os dereitos do resto de coruñeses, fomentando un clima de respecto mutuo e convivencia que faga da Coruña unha cidade amable coas mascotas.

Así, Bea Mato anunciou que, se os coruñeses outórganlle a súa confianza para ser a próxima alcaldesa, promoverá campañas de concienciación e sensibilización por e para o benestar animal, pero na mesma medida incidirá por todos os medios ao seu alcance na tenencia responsable e na toma de conciencia dos propietarios sobre o compromiso que supón coidar e educar un animal doméstico nun contexto urbano.

Bea Mato comprométese a garantir o sacrificio cero nos centros municipais de acollida animal, fomentando a adopción e a acollida temporal como destino dos animais domésticos abandonados. Tamén pretende aumentar e mellorar as zonas de acceso e de paseo en liberdade con mascotas.

Unha das novidades que introduce o programa compartido de Bea Mato é a reserva de espazos en zonas verdes de nova creación e a habilitación nos xa existentes e nalgunhas praias de espazos acoutados para o uso compartido con mascotas, sempre garantindo a seguridade e o respecto cara ao resto de usuarios dos devanditos espazos públicos.

A candidata popular anunciou a creación dun novo centro municipal de acollida animal que supla as carencias que actualmente presenta a canceira. Aplicará igualmente un modelo de colonias felinas controladas que garanta a súa protección, benestar e vixilancia poboacional.

Mato anunciou que o seu goberno local será severo e inflexible con aqueles propietarios que non atendan ás ordenanzas cívicas e ás mínimas regras lóxicas de respecto e convivencia. Anunciou que no seu plan de limpeza e conservación de espazos públicos terase un especial coidado coa limpeza de excrementos e que a Policía Local perseguirá e sancionará aos propietarios que incumpran as súas obrigacións.