Bea Mato propón unha Coruña “máis verde” coa creación dun gran parque na contorna do castro de Elviña e a ampliación do xa existente en San Pedro de Visma

Bea Mato propón unha Coruña “máis verde” coa creación dun gran parque na contorna do castro de Elviña e a ampliación do xa existente en San Pedro de Visma
Desenvolver corredores verdes en Monelos, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán e Ventorrillo son outras das propostas de carácter ambiental que a candidata popular avanzou durante un almorzo organizado pola APC 
Impulsará unha ordenanza contra o desperdicio alimentario e fomentará a redución do uso do plástico
A candidata popular comprométese a poñer en marcha proxectos piloto para a recollida de lixos porta a porta 

A presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, comprometeuse hoxe a facer da Coruña unha “cidade máis verde” se accede á Alcaldía, e para iso expuxo propostas como a creación dun gran parque metropolitano na contorna do castro de Elviña ou a ampliación do parque Adolfo Suárez ata o parque de Bens.

Durante un almorzo organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, a candidata popular debullou os cinco grandes eixos temáticos do seu proxecto compartido de cidade (Coruña dinámica, Coruña responsable, Coruña amable, Coruña contigo e Máis Coruña), centrándose especialmente no segundo e no impulso do programa “ VerdeCoruña”, que inclúen actuacións tan destacadas como as dúas antes citadas, a reurbanización e o incremento da zona verde no Parrote e a Mariña, ou o desenvolvemento dunha estratexia de corredores verdes en Monelos, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán e Ventorrillo.

“As miñas anteriores responsabilidades na Xunta condicionan a miña acción”, salientou Mato en recordo do tempo que ocupou a consellería de Medio Ambiente. Esa experiencia empregaraa en “facer da Coruña un modelo de sustentabilidade”. “E iso pasa por ser unha cidade máis verde, pero de entrada, pasa por ser unha cidade limpa, aseada”. Neste sentido, reiterou que a súa primeira decisión se chega á Alcaldía será poñer en marcha de maneira urxente e inmediata un plan de choque de limpeza.

No ámbito da sostenibildiad, avanzou propostas para executar máis a longo prazo como a elaboración dun plan estratéxico municipal de economía circular para o uso eficiente dos recursos naturais e a redución de residuos e tamén a posta en marcha de proxectos piloto para a recollida de lixos porta a porta.

Ademais, comprometeuse a impulsar unha ordenanza para combater o desperdicio alimentario, con incentivos para que supermercados e restaurantes doen produtos alimentarios, e asegurou que o “Concello fomentará a redución do uso de plástico”, para o que, entre outras medidas, propón revisar os criterios ambientais nos pregos de concursos públicos e na compra de subministracións incluíndo, “sempre que sexa posible”, a prioridade a produtos libres de plástico.

Mato tamén apostou por “unha mobilidade máis sustentable e menos contaminante”, para o que se ampliarán as zonas de acougado de tráfico e peonís, completarase a rede itinerarios peonís accesibles, e mellorarase e ampliará o carril-bici. Ademais, revisaranse as tarifas do bus urbano: será gratis para menores de 19 anos e implantaranse tarifas súper reducidas para maiores de 65 anos, desempregados sen prestación e para familias de dúas ou máis fillos.