Bea Mato propón a construción de bancadas e habilitar unha zona de baño no paseo e o espigón do Parrote

Bea Mato propón a construción de bancadas e habilitar unha zona de baño no paseo e o espigón do Parrote
A proposta, que inclúe tamén a colocación dunha plataforma flotante, é “totalmente compatible” coa actividade marisqueira, resalta a candidata popular á Alcaldía 
Comprométese a promover coa Autoridade Portuaria o acceso peonil aos peirao de Transatlánticos, Batería e Calvo Sotelo as fins de semana, en horario compatible coa presenza de cruceiros 
Tamén expón reurbanizar e incrementar a zona verde do Parrote e a Mariña, e desenvolver un plan de usos para a zona acordado con veciños, hostaleiros e comerciantes 

A candidata popular á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, presentou hoxe un proxecto co que pretende “regalar a todos os coruñeses e visitantes unha vista única e espectacular desde un lugar privilexiado”. Consiste na instalación de bancadas e, estacionalmente, de plataformas flotantes no paseo e o espigón do Parrote. “O que facemos con esas bancadas é regalar esa vista, e facilitar a entrada e a saída da auga aos nadadores. A estrutura que se fará será similar á que se colocou no seu día no Paseo Marítimo de Riazor, só que no verán podería revestirse con madeira”, explicou a presidenta do PP na Coruña. “Ademais, no verán, fundamentalmente en xullo e agosto, colocaremos tamén na zona polo menos unha plataforma flotante”, expuxo Mato, quen engadiu que tanto as bancadas como as plataformas tamén están pensadas para o seu uso por parte dos pescadores deportivos.

Mato explicou que o seu proxecto compartido de cidade inclúe unha serie de propostas desenvoltas tras manter encontros con preto de mil persoas e que, na súa elaboración, constatouse que varias delas estaban directamente relacionadas co porto. “Como algunhas desas ideas son moi audaces, xa hai tempo que llas expomos á Autoridade Portuaria. O motivo destas consultas previas era que queriamos comprobar a súa viabilidade, e esa viabilidade foi ratificada polo propio órgano reitor do porto”, salientou. Así, no caso concreto das bancadas e a plataforma flotante, “trátase de melloras completamente compatibles coa actividade marisqueira”, remarcou a candidata popular á Alcaldía.

Mato tamén se comprometeu a “promover coa Autoridade Portuaria o acceso peonil uso e goce dos Peiraos de Transatlánticos, Batería e Calvo Sotelo as fins de semana, en horario compatible coa presenza de cruceiros”. E, nesta liña de colaboración co órgano reitor do porto, a candidata popular tambien avanzou a súa intención de “ reurbanizar e incrementar a zona verde no Parrote e a Mariña”, e, paralelamente, elaborar un plan de usos desas dúas zonas de forma consensuada con veciños, comerciantes e hostaleiros.

A presidenta do PP na Coruña lembrou que estas tres propostas súmanse a outras xa anunciadas en días anteriores relacionadas coa actividade portuaria e o mar, como promover unha zona franca no chan existente na contorna do porto exterior de punta Langosteira, crear unha Concellería do Mar, facer unha campaña de promoción do porto e en especial a lonxa da Coruña como parte esencial da nosa Marca Ciudad ou a posta en marcha a Semana Azul que terá como principal obxectivo fomentar o deporte náutico entre os escolares.