Bea Mato promete completar o Paseo Marítimo cun gran parque litoral que conectará a dársena de Oza coa Pasaxe

Bea Mato promete completar o Paseo Marítimo cun gran parque litoral que conectará a dársena de Oza coa Pasaxe
Servirá de xerador de zonas verdes, áreas de lecer, esparexemento, equipamentos públicos e contribuirá á recuperación do tradicional núcleo de poboación de As
Xubias 
Nos tramos que sexa necesario, a construción executarase sobre pilotes que permitan o fluxo da auga, empregando materiais naturais e respectuosos co medio ambiente 
O proxecto contempla a incorporación dun carril bici a cota cero que permitirá suprimir o actual que percorre a avenida da Pasaxe e mellorar a seguridade de ciclistas e condutores

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, anunciou hoxe que, dentro do seu proxecto compartido de cidade, pretende completar o Paseo Marítimo creando un gran parque litoral que conectase a dársena Oza co paseo do Burgo baixo a ponte da Pasaxe.

O proxecto recolle accións e operacións de alto compoñente ambiental que xerarán unha ampliación, mellora e restructuración de zonas verdes, áreas de lecer e equipamentos públicos. Daría pé á implementación dun transporte marítimo estacional de carácter turístico no golfo Ártabro e servirá de soporte a novas actividades náutico-deportivas e mellora dos equipamentos existentes, con especial relevancia para a xa anunciada Escola do Mar. Ao mesmo tempo, o novo tramo de Paseo Marítimo contribuirá á recuperación do tradicional núcleo de poboación de As Xubias.

Bea Mato explicou que é un ambicioso proxecto que se deberá acometer por fases, xa que require da colaboración institucional de todas as administracións, en especial, da Dirección Xeral de Costas, responsable do dominio público terrestre. É por iso que o proxecto se axustará aos criterios de menor impacto ambiental e máxima sustentabilidade.

Neste sentido, a candidata explicou que nos tramos que sexa necesario, a construción executarase sobre pilotes que permitan o fluxo da auga, empregando materiais naturais e respectuosos co medio ambiente. O obxectivo a medio prazo é que este proxecto dea sentido e continuidade á Infraestrutura Verde Metropolitana deseñada pola Consellería de Medio Ambiente.

Mato indicou que a nova senda terá carácter peonil e ciclista, polo que está previsto deseñar un amplo carril bici a cota cero que, unha vez finalizado, permitirá eliminar o actual trazado pola avenida da Pasaxe, mellorando radicalmente a seguridade tanto de ciclistas como de condutores.