Bea Mato presenta ás asociacións veciñais as máis de 200 actuacións “para colocar os barrios no centro”

Bea Mato presenta ás asociacións veciñais as máis de 200 actuacións “para colocar os barrios no centro”
A candidata popular agradeceu ante os representantes de máis de 25 colectivos de veciños a súa colaboración na redacción do proxecto de cidade co que se presenta á Alcaldía 

A presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, presentou hoxe ante representantes de máis de 25 asociacións veciñais da cidade as máis de 200 propostas do seu proxecto compartido de cidade coas que quere “colocar os barrios no centro”.

A candidata popular á Alcaldía agradeceu en primeiro lugar aos representantes veciñais a súa asistencia tanto ao acto de onte como aos anteriores encontros. “Este proxecto de cidade é froito de case dous anos moi intensos percorrendo os barrios da nosa querida Coruña, desde que fun elixida presidenta do Partido Popular local. Nese tempo hei mantendo múltiples encontros, reuníndome con case 1.000 coruñeses en grupos pequenos. Coñecedes dabondo esa actividade porque fostes protagonistas de ela”, afirmou de entrada.

Despois, detallou as medidas “transversais” coas que pretende mellorar todos os barrios. Así, cada un deles contará cun parque de xogos infantís de 0 a 12 anos e zona de xogos adaptada e dun parque biosaudable; cun centro socio cultural para maiores; con máis zonas de acougado de tráfico e peonís; coa presenza da policía de barrio, que recuperá; e en todos eles melloraranse as liñas, os horarios e as frecuencias do bus urbano.

“En cada barrio hai necesidades comúns, pero cada un deles ten as súas necesidades específicas”, asegurou Mato antes de detallar algunhas das 216 medidas específicas para os barrios que inclúe o seu proxecto de cidade. Entre elas, detívose especialmente en explicar o proxecto piloto de ecobarrio” que, se goberna, realizarase en Elviña e o Barrio das Flores, e do que se beneficiarán, asegurou, 20.000 habitantes, 6.000 vivendas e 36 edificios públicos. É unha proposta orixinal do Partido Popular que se suma ás medidas por unha “Coruña máis verde” e que inclúe novos parques e corredores verdes que anunciara nun almorzo informativo organizado na mañá de hoxe pola Asociación da Prensa da Coruña.