Bea Mato fíxase como obxectivo inmediato reducir a un máximo de 90 días o prazo de concesión de licenzas municipais

Bea Mato fíxase como obxectivo inmediato reducir a un máximo de 90 días o prazo de concesión de licenzas municipais
Pretende que o Concello deixe de ser un obstáculo e que facilite o seu labor ás empresas que crean emprego, que axilice os trámites burocráticos, pero sen reducir a seguridade xurídica 
Lembra que os 170 millóns de investimento non executados pola Marea equivalen a máis de 10.000 postos de traballo que se poderán crear 
A candidata popular anuncia un programa municipal para a emancipación destinado a menores de 35 anos e axudas para os colectivos vulnerables ou en risco de exclusión 

A presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, anunciou esta mañá que, de ser elixida alcaldesa, traballará desde o primeiro día para axilizar a concesión de licenzas, co obxectivo de reducir o proceso de concesión a un máximo de tres meses de prazo desde a súa solicitude no caso dos expedientes que non necesiten informes sectoriais. Fíxoo no transcurso dun encontro de traballo mantido con directivos e asociados da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña ( Apecco).

“Díxeno no meu primeiro gran acto público como candidata, alá por setembro no Parrote, e non me cansei de repetilo desde entón: o meu inimigo non é o empresario; o meu inimigo é o paro”, sinalou a candidata, que se confesou “plenamente convencida de que non hai mellor política social que crear emprego”. Asegurou que sente “mágoa pola miña cidade e tamén polas miles de oportunidades perdidas” que supón a actitude da Marea de “ demonizar particularmente aos empresarios da construción”.

Bea Mato lembrou que “a Marea deixou sen executar 170 millóns de euros en catro anos”, o que equivale a “deixar de construír 100 equipamentos deportivos como o do Castrillón, 58 escolas infantís como a do Agra do Orzán, 37 centros cívicos como o Novo Boandanza, ou a habilitar 2.000 quilómetros de carril-bici”. Cifrou o impacto en 10.000 postos de traballo perdidos pola falta de investimento. “Nin come nin deixa comer”, apuntou, en referencia ás trabas que Ferreiro púxolle a administracións como a Xunta ou o Goberno central para executar grandes infraestruturas.

Fronte a este panorama, Bea Mato reiterou o seu compromiso de non poñer trabas ao empresario: “Que o Concello non sexa un obstáculo, senón todo o contrario, que facilite o seu labor ás empresas que crean emprego, que axilice a tramitación de licenzas, pero sen reducir a seguridade xurídica”. Anunciou a súa firme pretensión de “reactivar a obra pública e impulsar proxectos de gran calado como o novo hospital público, completar o Paseo Marítimo entre Oza e a Pasaxe ou a cidade deportiva de Penamoa”.

No programa da candidata popular figura, ademais, a ampliación das Áreas de Rehabilitación Integral ao Barrio das Flores, Labañou, O Portiño e Eirís, a construción de vivendas públicas ecosostenibles en solares municipais e unha decidida posta polas axudas á rehabilitación, e en especial á renovación enerxética de edificios.

Ademais, Mato promoverá “un programa municipal de axuda á emancipación e ao acceso á vivenda en aluguer para menores de 35 anos e programas de axudas en materia de vivenda para os colectivos vulnerables ou en risco de exclusión”. Tamén lembrou as súas propostas para dinamizar os barrios históricos da cidade: a zona vella e Peixaría-Orzán.