Bea Mato avanza que todos os barrios terán un parque infantil de 0 a 12 anos e unha zona biosaudable

Bea Mato avanza que todos os barrios terán un parque infantil de 0 a 12 anos e unha zona biosaudable
A candidata popular presentou as súas propostas para poñer aos barrios no centro, tendo en conta as necesidades comúns e as específicas de cada un 
Cada distrito terá un centro socio cultural para maiores, instalará escaleiras mecánicas e ascensores en vías públicas, ampliará liñas, horarios e frecuencias do bus urbano e haberá máis puntos de acceso a wifi gratuíta
Dentro das máis de 200 medidas específicas, Mato propón impulsar a creación dun ecobarrio en Elviña e o Barrio das Flores do que se poderán beneficiar 20.000 veciños 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, presentou hoxe, dentro do seu proxecto compartido de cidade, parte das súas propostas para poñer aos barrios no centro, tendo en conta as necesidades comúns e tamén as específicas de cada un, que irá trasladando aos veciños a pé de rúa.

A candidata popular anunciou que todos os barrios dispoñerán polo menos dun parque de xogos infantís de 0 a 12 anos e zona de xogos adaptada e dun parque biosaudable. Ademais, cada distrito dispoñerá dun centro socio cultural para maiores.

Mato destacou tamén que as propostas xenéricas inclúen un plan de accesibilidade no que destaca un apartado de escaleiras mecánicas e ascensores nas vías públicas e aumentar as axudas para a instalación de ascensores en edificios. Tamén propón expandir as zonas de acougado de tráfico e peonís; mellorar as liñas, horarios e frecuencias do bus urbano; recuperar a policía de barrio e ampliar os puntos de acceso a rede wifi gratuíta.

Para a candidata popular, “a cidade é a que é grazas aos barrios, e aos barrios temos que acudir en primeiro lugar para recuperar ese orgullo coruñés que reivindico como eixo transversal do meu proxecto de cidade”. A Coruña é, en definitiva, unha cidade de cidades e, por tanto, tamén conta cun proxecto específico para cada barrio que inclúe máis de 200 medidas específicas.

Dentro das propostas “personalizadas”, algunhas xa foron anunciadas como o Plan Extraordinario da Cidade Vella, o Plan Integral de Peixaría-Orzán, completar o paseo marítimo cun novo tramo entre Oza e a Pasaxe ou a construción dunha cidade deportiva en Penamoa.

Entre as novidades que anunciou Mato destaca que impulsará a creación dun ecobarrio en Elviña e o Barrio das Flores do que se poderán beneficiar 20.000 habitantes. Ademais, tamén destacou que por fin se farán realidade demandas históricas como a construción do centro de saúde da Falperra no mercado, a reforma do de Monte Alto, completar o polideportivo do Castrillón e a construción dun centro cívico no Remanso.

Todos os distritos gozarán de elementos de centralidade económica e cultural porque “a miña Coruña imparable pon aos barrios no centro, con medidas transversais e con medidas concretas. A Coruña ha de ser equilibrada territorialmente”, salientou Mato.