Bea Mato anuncia que revisará á ORA para adecuar as prazas á demanda e bonos de desconto para os aparcadoiros públicos

Bea Mato anuncia que revisará á ORA para adecuar as prazas á demanda e bonos de desconto para os aparcadoiros públicos
A candidata popular anuncia que eximirá do pago do aparcamento regulado aos vehículos destinados a persoas con mobilidade reducida e aos eléctricos 
Propón axustar as tarifas de aparcamento mediante bonos, prezos reducidos especiais para os próximos a hospitais e para clientes de comercio de barrio ou de mercados municipais 
Reitera que os menores de 19 anos terán bus urbano gratis e billetes reducidos para maiores de 65 anos, desempregados, universitarios e familias numerosas e monoparentais 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que revisará a ordenanza da ORA “para axustala ás novas realidades cidadás”. Desta maneira, propón “adecuar o número de prazas para residentes e rotación, en función das demandas de cada barrio”, e tamén “eximir do pago aos vehículos con tarxeta de mobilidade reducida e aos eléctricos”.

Mato, que realizou estas declaracións durante un acto electoral na zona da rúa Barcelona e mercado de As Conchiñas, tamén detallou máis medidas para mellorar a mobilidade que figuran no seu proxecto compartido de cidade. Así, expón unha “revisión da política tarifaria dos aparcamentos públicos”, consistente en “descontos xerais mediante diversos tipos de bonos, que poden ser diarios, mensuais, comerciais ou nocturnos” e en “descontos especiais para os aparcamentos próximos aos hospitais e para os clientes do comercio de proximidade e dos mercados”.

A candidata popular tamén lembrou outras actuacións en mobilidade que xa anticipou durante a campaña, como a “reordenación, ampliación e mellora das liñas, horarios e frecuencias do bus urbano”, que cre “moi necesaria” tras “catro anos perdidos nos que a Marea se gastou case 650.000 euros en estudos para cambiar só unha parada de sitio”.

Así mesmo expón unha serie de “reducións nas tarifas do transporte público”, entre elas, que os menores de 19 anos viaxen gratis, o aumento do número de billetes bonificados para universitarios e novas tarifas súper reducidas para maiores de 65 anos, desempregados sen prestación, familias numerosas e familias monoparentais con dous descendentes.