Bea Mato anuncia a creación de CoruñaInvest para captar investimentos para empresas e emprendedores

Bea Mato anuncia a creación de CoruñaInvest para captar investimentos para empresas e emprendedores
Considera clave que a cidade sexa atractiva para o talento e o investimento, volver ser o motor de Galicia e líder amable da área metropolitana máis importante da comunidade 
Impulsará un Parque da innovación que integre sectores da nova economía e á Universidade 
Propón bonificar ata o 100% as taxas de inicio de actividade, incentivos a emprendedores, subvencións a proxectos de autoemprego e beneficios fiscais para a implantación das empresas durante catro anos 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, trasladou esta mañá durante un encontro no Colexio de Economistas a súa intención de poñer en marcha CoruñaInvest, unha oficina para a captación de investimentos e apoio ao empresario e emprendedor que queira instalarse ou que xa estea instalado na cidade.

Mato reafirmou o seu compromiso para que a cidade sexa atractiva para o talento e o investimento, porque “quero que volva ser motor de Galicia e líder amable da área metropolitana máis importante da comunidade”.

A candidata Popular propuxo crear un Parque da innovación que integre aos sectores da nova economía (TIC, dixital, biosanitario, téxtil, etc.) e á Universidade, co obxectivo de incubar e acelerar ideas, proxectos e empresas innovadoras.

Bea Mato recalcou a súa vontade de que a Coruña sexa referencia da economía da innovación e do emprego de calidade. “Queremos ofrecer máis apoios aos que empezan e aos que xa están, e brindar oportunidades á mocidade que está e á que queira vir”, sinalou.

Entre as medidas expostas, destacou que A Coruña será unha cidade libre de taxas ao emprendemento, establecerá incentivos ao autónomo ou emprendedor e subvencións a proxectos de autoemprego, e haberá incentivos para a mellora da competitividade de autónomos e empresas que ocupen a menos de 50 persoas, así como beneficios fiscais para a implantación das empresas durante o seu primeiros catro anos.

Fronte a este modelo fracasado da Marea, “propoñemos medidas como as que levaron a Galicia a ser a comunidade onde máis creceu a súa renda per cápita nestes últimos anos”, finalizou Mato.