O PP critica o engano electoral do Goberno municipal no Consello de Administración de EMVSA celebrado esta mañá

O PP critica o engano electoral do Goberno municipal no Consello de Administración de EMVSA celebrado esta mañá
A Marea tivo que retirar a licitación da obra do polideportivo do Castrillón porque aínda non se aprobou o proxecto e non dispón do diñeiro xa que está incluído no modificativo que aínda non se aprobou definitivamente 
O asesor xurídico de Emvsa afirmou no consello que o asunto do Castrillón era “enxeñería legal” e o Secretario municipal considerou irregular a forma en que se expuña 
O Consello non tomou coñecemento de ningún Regulamento de aluguer de vivenda, nin estaba na orde do día, limitándose á entrega dun borrador porque Emvsa non é competente para a súa aprobación xa que lle corresponde ao Pleno municipal e non existe ningún banco de vivendas para alugar 

O PP cualifica como engano electoral o consello de administración de Emvsa celebrado esta mañá e no que o Goberno municipal tivo que retirar da orde do día o asunto relacionado co polideportivo do Castrillón.

A Marea tivo que retirar a licitación da obra do complexo deportivo porque non coincidía o punto da orde do día coa documentación entregada ao resto de grupos municipais. O Goberno municipal pretendía aprobar a licitación da obra sen aprobar previamente o proxecto técnico, que se descoñece, e sen ter o diñeiro (2 millóns de euros) porque está incluído no modificativo en trámite que non se aprobou definitivamente tras as alegacións do BNG e de varios particulares.

O propio asesor xurídico da empresa municipal afirmou esta mañá que o asunto era “enxeñería legal” e o Secretario municipal, que tamén o é de Emvsa, considerou irregular a forma en que se expuxo o asunto. Non se pode aprobar unha licitación de obra sen que se aprobou antes o proxecto, que podería sufrir variacións, e desta maneira saber o custo exacto e as condicións reais da obra.

Ante as evidencias achegadas polo PP no consello, o resto de oposición sumouse ás mesmas e a Marea viuse obrigada a retirar o asunto porque o único que pretendía era vender fume aos veciños do Castrillón sen cumprir os trámites legais tras non facer nada en catro anos.

Respecto ao Regulamento para regular o aluguer de vivendas, no consello de Emvsa non se tomou coñecemento de ningún borrador nin se debateu sobre o mesmo, nin tampouco estaba incluído na orde do día. Respecto diso, hai que lembrar que o PP pediu no consello celebrado o 1 de decembro de 2017 un regulamento municipal para regular o parque de vivendas para aluguer social e non foi ata un mes antes das eleccións cando se limitaron a repartir un borrador cuxa aprobación tampouco é competencia de Emvsa, senón que ten que ir a exposición pública para achegas, a Xunta de Goberno, a aprobación inicial de Pleno, a alegacións e a aprobación definitiva, polo que non estará aprobado inicialmente este mandato.

Ademais, a día de hoxe non hai ningún banco de vivendas para alugar, tras non facer ningunha nova a pesar de prometer máis de cen novas municipais no Ofimático e en Marqués de Pontejos, tras o fracaso no programa de compra ao ter que anular cinco das seis adquisicións e non dispoñer de ningunha privada para alugar.

Como se puxo de manifesto no propio Consello a preguntas dos Populares, o Goberno municipal recoñeceu que aínda están en fase de estudo previos. A Marea pretende vender fume a un mes para as eleccións porque non hai ningunha vivenda para alugar e falta toda a tramitación do Regulamento.