Bea Mato destaca á Cociña Económica como punta de lanza da Coruña da cohesión que propón para a cidade

Bea Mato destaca á Cociña Económica como punta de lanza da Coruña da cohesión que propón para a cidade
A candidata a alcaldesa visitou esta mañá as instalacións da entidade e interesouse pola actividade que desenvolven cada día sen interrupción desde hai case 133 anos 
Comprométese a traballar desde o Concello para impulsar e potenciar as sinerxias e obxectivos compartidos de todas as institucións e asociacións de carácter social 
A presidenta local do PP anuncia que a principios de maio celebrarase unha comida solidaria no comedor do centro benéfico como mostra de gratitude ao traballo que desenvolve 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, visitou esta mañá as instalacións da Cociña Económica, acompañada polo candidato ao Senado Miguel Lorenzo e pola integrante da súa candidatura Mayte Gutiérrez. Tras visitar as dependencias e saudar aos traballadores, Mato mantivo un encontro de traballo co presidente da institución, Jacinto Torres, e varios membros da xunta directiva.

Mato interesouse polo funcionamento da entidade e destacou “xa non só o impagable labor do comedor do Orzán, tamén a repartición de alimentos que a diario desenvolve en diferentes barrios da nosa cidade”. Na actualidade, a institución rolda os 3.300 socios e os seus responsables aspiran a alcanzar os 4.000 nos próximos meses.

Bea Mato sinalou que a Cociña Económica “é admirada e recoñecida desde hai case 133 anos” e comprometeuse a “impulsar e potenciar as sinerxias e obxectivos compartidos de todas as asociacións de ámbito social que desenvolven o seu traballo na Coruña” se obtén a confianza dos veciños para ser a próxima alcaldesa.

Tivo a oportunidade de coñecer os proxectos de futuro que manexa a directiva, e que pasan por habilitar unhas novas instalacións que lles permitan ampliar e mellorar os servizos que actualmente ofrecen na súa sede de Cordelería. “Esta é unha institución que foi necesaria durante 133 anos e, por desgraza, vai seguir séndoo, así que se merecen o agarimo social do que xa gozan, pero tamén o apoio das institucións”, sinalou a candidata.

Por último, Bea Mato anunciou que a primeiros de maio o Partido Popular da Coruña celebrará un xantar solidario no comedor da institución “como agradecemento e recoñecemento ao empeño e esforzo que empregan, día tras día, os directivos e os traballadores”.