Bea Mato creará a Oficina da Cidadanía en cada distrito

Bea Mato creará a Oficina da Cidadanía en cada distrito
Serán oficinas que terán como obxectivo achegar os servizos aos veciños e veciñas dos barrios, onde se poderán realizar todos os trámites ante o concello, sen necesidade de “desprazarse de oficina en oficina” 
Será unha medida complementaria á implantación da administración electrónica, aberta 24 horas, e de mecanismos de axilidade administrativa anunciada en anteriores ocasións 
A candidata popular trasladou esta proposta á Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, con cuxa xunta directiva mantivo esta mañá un encontro para coñecer as súas principais demandas 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á Alcaldía, Beatriz Mato, anunciou esta mañá que creará a Oficina da Cidadanía, un centro de tramitación municipal unificada en cada distrito, cuxo obxectivo é achegar os servizos aos veciños e veciñas dos barrios. Os coruñeses poderán realizar todos os trámites ante o concello sen necesidade de “desprazarse de oficina en oficina”, sinalou Mato.

A candidata a alcaldesa explicou, durante un encontro de traballo coa xunta directiva da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, que a iniciativa “é unha medida complementaria á implantación da administración electrónica, aberta 24 horas, e de mecanismos de axilidade administrativa”, xa manifestada en anteriores ocasións. Neste sentido, asegurou que, se obtén a confianza dos coruñeses, implantará “un ambicioso plan apoiado pola máis avanzada tecnoloxía e que sitúe o servizo ao cidadán como a máxima prioridade”.

Bea Mato agradeceu o interese da Federación de Asociacións de Veciños, e en concreto, da súa presidenta, Luisa Varela, por achegar as súas ideas, inquietudes e preocupacións con respecto á cidade. “Unha entidade como esta, que agrupa a preto de 30 asociacións da Coruña e a súa comarca, debe manter unha liña directa de comunicación co seu Concello”, indicou.