Bea Mato impulsará a accesibilidade universal e priorizará os colectivos en exclusión nas políticas de emprego

Bea Mato impulsará a accesibilidade universal e priorizará os colectivos en exclusión nas políticas de emprego
A candidata popular, Bea Mato, debullou esta mañá as principais conclusións extraídas do proceso de participación coas entidades sociais tras o Encontro “Coruña +social”
Comprométese a realizar unha revisión consensuada e mellorada dos baremos de subvencións e axudas, axilizando a súa tramitación e pago e ampliando a súa duración máis aló dunha programación anual de forma que permita ás entidades programar proxectos a medio prazo
Os populares constatan, a través do diálogo cos sectores, que o emprego e a necesidade dunha administración local áxil e eficaz son preocupacións comúns de todos os coruñeses

A presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, comprometeuse esta mañá, ante os representantes das entidades sociais da Coruña, a promover e impulsar unha mesa de coordinación, a través da que se poidan intercambiar experiencias, facer fronte conxunto nas demandas, elaborar catálogos de servizos comúns e facilitar a interlocución con outras administracións

No marco do encontro “Coruña+Social II”, no que Bea Mato expuxo as conclusións extraídas tras o proceso de participación dos encontros de cidade con entidades sociais, avanzou que no seu programa compartido de goberno prevé tamén a elaboración e posta en funcionamento dun mapa universal de accesibilidade da cidade e a aprobación dunha ordenanza de accesibilidade interior e exterior.

Itinerarios accesibles e novas tecnoloxías

Mato especificou algunhas das medias previstas, entre as que destacou “unha rede de itinerarios peonís prioritarios accesibles, na que se promoverá “a implementación ata os límites que permita a tecnoloxía de aplicacións específicas”, como apps de itinerarios accesibles para fomentar a vida saudable nos nosos maiores, de optimización e adaptación da rede semafórica, ou a instalación de bucles magnéticos para implantados cocleares en edificios públicos e recintos de espectáculos que permitirán maior accesibilidade ás persoas con problemas auditivos.

Adiantou a súa intención de acometer “unha revisión, por suposto consensuada co sector, dos baremos de acceso a subvencións e axudas, con especial atención á formación”. Neste sentido manifestou a súa intención de ampliar a colaboración coas entidades sociais, axilizando a tramitación e pago de subvencións e convenios e ampliando a súa duración máis aló dunha programación anual para maior seguridade e garantía na programación de actividades”.

Bea Mato engadiu que, grazas ao traballo que desenvolveu nestes meses, detectou que “hai dúas demandas comúns a todos os sectores cos que tiven a oportunidade de compartir puntos de vista: a preocupación polo emprego e a necesidade de desenvolver unha administración local áxil, eficaz e moderna. Sobre o problema laboral, reiterou que non coñece “mellor política social que a creación de emprego”. “Todas as nosas políticas de cidade ─salientou─ teñen en común a cohesión social”.