Bea Mato aposta por máis e mellores políticas de igualdade, lonxe de intereses partidistas nunha “loita aínda inacabada”

Bea Mato aposta por máis e mellores políticas de igualdade, lonxe de intereses partidistas nunha “loita aínda inacabada”
A presidenta do PP local participou en Madrid nun acto protagonizado por mulleres candidatas a alcaldesas das súas cidades, xunto co presidente nacional, Pablo Casado 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á alcaldía, Beatriz Mato, participou esta mañá, con motivo da celebración do 8- M, nun acto protagonizado por mulleres cabezas de lista para as eleccións municipais ou autonómicas. O acto contou coa participación de presidente nacional do partido, Pablo Casado.

Mato reivindicou “un feminismo entendido como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres” e engadiu que “é unha loita que debe deixar á marxe manifestos inadmisibles” que tentan enfrontarnos a unhas fronte a outras. Nesta liña, a candidata á alcaldía da Coruña indicou que “afortunadamente, a cidadanía camiña, neste tema, por diante dos partidos políticos, e en especial, dalgunhas forzas de esquerda que tratan de politizar”, unha reivindicación que pide a berros unidade.

“Mañá, 8 de marzo, é un día para reivindicar a igualdade real, para avanzar na ruptura do teito de cristal e para que, lonxe de intereses partidistas, loitemos polos dereitos das mulleres”, insistiu. “Hoxe as candidatas do PP ás próximas eleccións municipais e autonómicas ─asegurou─ quixemos visibilizar, co noso presidente, todo o traballo que as mulleres do PP fixemos nos últimos anos para conseguir que homes e mulleres teñamos a mesma igualdade de oportunidades”.

No acto participaron, xunto con Bea Mato e Pablo Casado, as vicesecretarias Marta González, Andrea Levy, Cuca Gamarra, Isabel García Tejerina e Javier Maroto; a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; a portavoz do Grupo Popular no Congreso, Dolors Montserrat; as candidatas á presidencia da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e á Comunidade Valenciana, Isabel Bonig; e un grupo de candidatas a concellos de diferentes capitais españolas. Todas, baixo o lema “Non falamos por ti, facemos para ti”.