Bea Mato anuncia a construción dunha nova cidade deportiva no seu proxecto para Coruña

Bea Mato anuncia a construción dunha nova cidade deportiva no seu proxecto para Coruña
A candidata popular á Alcaldía avanzou esta mañá a máis de sesenta entidades deportivas as súas propostas para converter A Coruña "nunha cidade europea do deporte" 
Comprométese a elaborar un Plan Director de Instalacións Deportivas para a mellora e ampliación de infraestruturas existentes, cunha planificación a oito anos 
Mato incidiu tamén en que o seu programa de cidade en materia de deportes contemplará tamén unha liña específica de impulso aos deportes náuticos 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á alcaldía, Bea Mato, comprometeuse esta mañá, ante os representantes de máis de 60 entidades deportivas locais, a construír unha nova cidade deportiva na Coruña ao chegar á alcaldía a partir de maio, unha instalación para a que se elixirá a área de Penamoa.

No marco do encontro “Coruña+Deporte II”, no que expuxo as conclusións extraídas tras o proceso de participación dos encontros de cidade con entidades deportivas, avanzou que esta nova cidade dedicada á actividade deportiva, que se construirá no lugar de Penamoa, contará con seis campos dedicados ao fútbol e rugby, un módulo cuberto para atletismo, tenis e padel, salas para outros deportes (tiro con arco, ximnasia, deportes de loita…), un parque indoor para skate, parkour e calistenia, canchas para chave e petanca e un minigolf. O PP entende que será necesario dotar a esta cidade deportiva dun pavillón multiusos, con capacidade para 2.500 espectadores.

Tamén como resposta ás reclamacións que solicitou das entidades deportivas no anterior Encontro de Cidade adiantou a súa intención de elaborar un Plan Director de Instalacións Deportivas, no que se realizará unha análise dos equipamentos existentes, propoñerase a ampliación ou a remodelación de algunhas, e establecerase un calendario para a posta en marcha destas melloras no período 2019-2027. “Ese Plan Director indicará as nosas principais carencias e necesidades. Pero podemos ir avanzando porque nos bastou con escoitarvos para saber que temos que ser ambiciosos e construír unha nova cidade deportiva e realizar distintas melloras en moitas instalacións”, dixo Bea Mato os representantes das entidades.

Tamén explicou que, dentro do seu proxecto de cidade, no ámbito deportivo haberá unha liña específica para o impulso aos deportes náuticos, con especial atención a vela. “Temos o privilexio de estar rodeados de mar, un privilexio que debemos aproveitar”.

Todas estas melloras permitirán converter A Coruña en “unha Cidade Europea do Deporte”, que é un recoñecemento que outorga a Federación de Capitais Europeas e Cidades do Deporte ( ACES Europe), un colectivo sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas que opera desde 2001.