Bea Mato propón a posta en marcha, de forma urxente e inmediata, dun plan de recuperación integral do espazo público

Bea Mato propón a posta en marcha, de forma urxente e inmediata, dun plan de recuperación integral do espazo público
A proposta inclúe unha brigada “ non stop” dedicada 24 horas ao mantemento da cidade, traballando en tripla quenda para reparar os danos máis urxentes
A candidata pola Coruña destacou a necesidade de acometer un saneamento dos servizos básicos, para o que considera clave resolver todos os que se prestan en precario e sen contratos 

A presidenta do PP local coruñés e candidata á alcaldía, Beatriz Mato, presentou esta mañá unha proposta para implementar “de maneira urxente e inmediata” dun plan de recuperación integral para a totalidade do espazo público se os coruñeses outórganlle a súa confianza o próximo 26 de maio. “Trátase ─explicou─ dunha acción global que abarcará todos os barrios de Coruña e que actuará sobre todos os elementos e servizos que conforman o espazo público”.

Mato detallou que se trata de “unha estratexia que precisa de medidas a curto e a medio prazo, pero tamén intervencións que, por necesidade, teñen que cambiar a relación entre o Concello e os cidadáns”.

Entre as medidas de inmediata posta en funcionamento, destacou a posta en marcha de “unha brigada que traballará 24 horas, sete días á semana, no mantemento da cidade. Falamos dun servizo non stop, traballando en tripla quenda para reparar e manter de maneira transversal todos os danos urxentes do espazo público”, sinalou.

A candidata engadiu que “unha vez satisfeitas as urxencias, xa nunha segunda fase, necesitaremos acometer un saneamento dos servizos básicos”, para o que “resulta clave resolver a contratación de todos os servizos que están a funcionar en precario e sen contratos”. Anunciou a súa intención de deseñar e executar unha estratexia integral para combater e eliminar as pintadas: “un plan minucioso e estudado, á marxe das ocorrencias” e para o que tomará como modelo soluciones que xa funcionan noutras cidades e no que se incluirán campañas de concienciación do coidado do espazo público e revisaranse as penalizacións polas agresións ao mesmo.

Outra das medidas anunciadas por Bea Mato é a súa intención de recuperar “o hábito saudable de pegarlle un bo repaso a cada barrio, polo menos un par de veces ao ano. Non necesito poñerlle nome nin encher as rúas de carteis”, engadiu.

Mato é consciente de que “poñer en marcha a idea que teño require de toneladas de agarimo cara á cidade e de altas doses de sensibilidade directa ás veas de Coruña”, co obxectivo de que “nos habituemos a vivir nunha Coruña, afeita sentirse guapa”.