Bea Mato aposta por “impulsar o turismo de congresos” e posicionar A Coruña como “cidade de grandes eventos”

Bea Mato aposta por “impulsar o turismo de congresos” e posicionar A Coruña como “cidade de grandes eventos”
A candidata á alcaldía avanza nun “Encontro de cidade” que pretende converter o Rosario na gran festa do outono coruñés e que este impulso pasar por declaralo festivo 

Representantes de hoteis, restauradores, hostaleiros, consignatarios e doutros sectores relacionados co turismo participaron esta mañá na sexta cita dos “Encontros de Cidade”, promovidos polo Partido Popular local co obxectivo de facilitar reunións entre colectivos dun mesmo ámbito da Coruña para coñecer os seus intereses, as súas iniciativas e os seus proxectos, e xerar, deste xeito, sinerxias que permitan optimizar recursos.

No transcurso da cita, titulada Encontros de Cidade: Coruña + Turismo, Bea Mato, candidata do Partido Popular á alcaldía, avanzou que un dos alicerces do seu programa electoral e de goberno será “posicionar a cidade como referente nacional no mercado de congresos e eventos”. “É evidente que no últimos tres anos e pico o turismo de reunións experimentou unha significativa caída na cidade”, indicou a tamén presidenta do PP local. É por iso que incluirá no seu programa electoral medidas para reverter esta situación, entre as que destacou “a posta en marcha dun programa de axudas para xeración de eventos”.

A aposta pola Coruña como “cidade de grandes eventos” vai máis aló dos congresos ou convencións, e tamén inclúe actividades culturais, deportivas, musicais, gastronómicas ou festivas. Nesta liña, Mato avanzou que quere “converter o Rosario nunha gran festa de toda a cidade”. “Gustaríame poder reivindicar a patroa a través dun programa festivo do que se beneficien todos os coruñeses. Queremos para A Coruña algo similar ao que teñen os ovetenses co San Mateo, os zaragozanos co Pilar, os madrileños con San Isidro ou os santiagueses con Santiago Apóstolo. Queremos recuperar o Rosario e convertelo na gran festa coruñesa do outono”. Para iso, “elaborarase un programa extenso e atractivo e declararase festivo local o Día do Rosario, como o foi tradicionalmente”, estendeuse Mato.