Bea Mato aposta por converter A Coruña en “un gran polo tecnolóxico” que atraia “emprego de calidade”

Bea Mato aposta por converter A Coruña en “un gran polo tecnolóxico” que atraia “emprego de calidade”
Así o anunciou a candidata á alcaldía nun “Encontro de cidade” centrado na innovación e a tecnoloxía ao que acudiron máis de corenta representantes dunha trintena de empresas de base tecnolóxica 
Reiterou o “decidido apoio” do Partido Popular á “Cidade das TIC”, un proxecto no que se debe avanzar con todas as empresas do sector

Representantes de trinta empresas de base tecnolóxica da cidade participaron esta tarde na cuarta cita dos “Encontros de Cidade”, promovidos polo Partido Popular local co obxectivo de facilitar reunións entre colectivos dun mesmo ámbito da Coruña para coñecer os seus intereses, as súas iniciativas e os seus proxectos, e xerar, deste xeito, sinerxias que permitan optimizar recursos.

No transcurso da cita, titulada Encontros de Cidade: Coruña + Innova, Bea Mato, candidata do PP á alcaldía, avanzou que un dos alicerces do seu programa electoral e de goberno será “converter A Coruña nun gran polo de atracción de innovación tecnolóxica”.

“Estamos convencidos de que a principal vantaxe competitiva dunha cidade é, ademais da súa capacidade de colaborar, a súa capacidade innovadora”, asegurou a presidenta dos populares coruñeses aos presentes. Por iso, e como paso previo á redacción definitiva do seu programa electoral, promoveu este “Encontro” colaborativo entre empresas de base tecnolóxica da cidade coa intención de “identificar estratexias compartidas”. “Trátase, en definitiva, de atopar retos compartidos entre o Concello e o sector tecnolóxico para o desenvolvemento de proxectos de colaboración público e privada que favorezan a creación e fortalecemento dun sistema local de innovación e de emprego de calidade”, explicou a candidata durante a reunión, que foi moderada por María Mayán Santos, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica de Coruña ( INIBIC).

Mato confía en que esas estratexias comúns “convertan Coruña nun polo de atracción innovador, e que esa innovación xere emprego de calidade”, pois a creación de postos de traballo é “o principal eixo” da súa campaña e a súa “principal ocupación cando chegue a María Pita”.

Aproveitando a presenza de empresas do sector TIC, a candidata popular reiterou o “decidido apoio” do seu partido á chamada “Cidade das TIC”. “Todos estamos de acordo en que A Coruña necesita crear un polo de atracción tecnolóxica. O PP da Coruña apoia decididamente este proxecto do mesmo xeito que o do novo hospital porque ambos son realizables e ambos son estratéxicos”.