O PP esixirá explicacións a Ferreiro polo atraso no orzamento de 2019

O PP esixirá explicacións a Ferreiro polo atraso no orzamento de 2019
O PP quere saber as previsións do Goberno local para levar ao pleno un orzamento que, vistas as datas, non estaría aprobado antes de febreiro
Os Populares tamén preguntarán no pleno do próximo luns se ten previsto reformar o proxecto para Santa Lucía tras o aval da Consellería de Sanidade ás propostas veciñais que permiten compatibilizar o centro de saúde e o mercado 
O PP pedirá tamén información sobre a intención do Goberno local de prorrogar a cesión do antigo cárcere, proceso en fase de instrución xudicial tras a denuncia da Fiscalía por posible prevaricación na adxudicación 

O Grupo municipal Popular preguntará a Xulio Ferreiro no Pleno ordinario do 10 de decembro pola tramitación do Orzamento municipal para 2019, o centro de saúde de Santa Lucía e a prórroga da cesión da antiga prisión provincial.

O PP quere saber cando levará o Goberno municipal ao Pleno o Orzamento municipal para 2019 para a súa aprobación inicial, tendo en conta que xa é imposible que entre en vigor o un de xaneiro, como xa sucedeu nos tres anos anteriores, e que non estaría aprobado definitivamente ata febreiro como mínimo polos tempos de tramitación deste documento.

A día de hoxe, non se facilitou un só papel ao grupo popular a pesar de que Ferreiro afirmou que se atopa en negociacións co Grupo Socialista. O PP espera que non utilice o mesmo sistema que o anos anterior cando lle deu aos populares dous días (o de Noiteboa e Nadal) para estudar a documentación.

Doutra banda, o Grupo Popular preguntará a Ferreiro se ten previsto reformar o proxecto para Santa Lucía tras o aval da Consellería de Sanidade ás cinco propostas veciñais que permiten compatibilizar o centro de saúde e o mercado. Os veciños da Falperra gañáronse o dereito para ser tratados con respecto e a que lles constrúan un centro de saúde moderno e funcional onde eles queren porque é posible a pesar da negativa sectaria de Ferreiro.

Por último, o PP quere saber se o Goberno municipal vai prorrogar a cesión de uso da antiga prisión provincial a Proxecto Cárcere, tendo en conta que finaliza o próximo mes de xaneiro e atópase en fase de instrución xudicial tras a denuncia da Fiscalía por posible prevaricación na adxudicación con bases a medida.