O PP considera inaceptable que Ferreiro non poida investir 15 millóns na cidade por ser incapaz de pagar en prazo

O PP considera inaceptable que Ferreiro non poida investir 15 millóns na cidade por ser incapaz de pagar en prazo
A candidata do PP, Bea Mato, á alcaldía considera que os coruñeses non merecen máis desgoberno e máis parálise, senón gobernantes que saiban administrar 
Desde o PP lembran que o Goberno de Ferreiro leva incumprindo o pago a provedores nos últimos oitos meses 

O PP considera que A Coruña non pode soportar por máis tempo a un alcalde como Ferreiro que ten que entregar 15 millóns de euros aos bancos en lugar de destinalos a investimentos por non pagar en prazo legal ás empresas provedoras do Concello. Lembran os populares que a lei impide destinar o superávit a investimentos se non se cumpre o período medio de pago.

“Cando os Populares ofrecemos un mandato de boa xestión aos coruñeses non estamos a falar de algo sen importancia, senón de  evitar que ocorran situacións indesexables como esta”, incidiu Bea Mato, candidata á alcaldía. A popular considera que os coruñeses “non merecen este desgoberno xeneralizado, esta parálise permanente ou esta incompetencia masiva, senón gobernantes que saiban administrar, pagar en tempo e investir”, obxectivos que se poderán conseguir cun goberno do PP.

Son xa oito meses consecutivos nos que Ferreiro incumpre a lei de pago a provedores, polo que estes 15 millóns para os bancos no canto de para actuacións nos barrios únense aos 130 millóns de euros sen executar para investimentos e aos 22 millóns de fondos europeos perdidos pola Marea.

En tres anos e medio, Ferreiro foi incapaz de facer nin unha escola infantil,  nin un centro cívico,  nin un centro de día, nin un parque, nin ningunha infraestrutura social porque só lle preocupa dar contratos directos a asinantes da Marea, comprar pisos irregulares aos seus colegas e beneficiar a asociacións afíns.

A Coruña necesita un cambio como o que propón o PP para deixar de estar á cola en emprego, investimento, mobilidade e promoción económica e volver ser a locomotora social e económica do noroeste peninsular.