Bea Mato advirte que os populares son “a única opción seria” para devolverlle á cidade a estabilidade que precisa para crecer

Bea Mato advirte que os populares son “a única opción seria” para devolverlle á cidade a estabilidade que precisa para crecer
A presidenta do PP local e o presidente provincial, Diego Calvo, participaron na xunta directiva local, na que deron conta da actividade das últimas semanas e analizaron a actualidade política 
Mostrouse "moi satisfeita" do resultado do primeiro Encontro de Cidade, "tanto polos relatores como polos asistentes", e asegurou que seguirán traballando nestes modelos de participación 

A presidenta do PP local da Coruña, Beatriz Mato, e o presidente provincial, Diego Calvo, interviñeron esta tarde na reunión da xunta directiva do partido na cidade. O encontro celebrouse coa mirada posta nas eleccións municipais, a pouco máis de seis meses.

Bea Mato sinalou, durante a súa intervención, que fronte ao que está a suceder tanto a nivel nacional como local, o Partido Popular é “a única opción seria” para devolverlle á cidade “a estabilidade que precisa para crecer e avanzar”. Fronte ao balbordo dos gobernos de Pedro Sánchez e de Xulio Ferreiro, Matogueira destacou a naturalidade coa que “se está debatendo no Parlamento Galego un asunto tan importante como os orzamentos autonómicos”.

A presidenta dos populares coruñeses repasou o traballo que está a realizar para construír o proxecto compartido co que aspira a converterse en alcaldesa. Puxo especial énfase nas conclusións do primeiro “Encontro de Cidade”, celebrado o pasado día 8, e no que se deron cita máis de 60 entidades sociais coruñesas. “Estou moi satisfeita do resultado que supuxo esta iniciativa, tanto polos relatores como polos asistentes”, sinalou.

Bea Mato adiantou que mentres se están recompilando, ordenando e analizando as conclusións deste primeiro encontro, protagonizado polas entidades sociais, xa se está traballando noutros tres, dedicados á innovación e o emprego, a sustentabilidade ambiental e a familia e a mocidade. “O que estamos a facer é poñer en práctica o método das catro é: escoitar, elaborar, explicar e executar”.

A presidenta popular animou aos presentes para “saír a buscar o éxito traballando a pé de rúa” e a utilizar a capacidade de escoitar aos veciños como a mellor ferramenta para conseguir un obxectivo “que nos incumbe a todos”.