Entrevista Beatriz Mato TVG: "A política que se está a facer na Coruña é a do amiguismo"

Entrevista Beatriz Mato TVG: "A política que se está a facer na Coruña é a do amiguismo"

Beatriz Mato constatou na TVG que a súa cidade ten un goberno paralizado no que “a política que se está a facer é a do amiguismo”. Tamén alertou de conflitos e problemas de xestión no Concello coruñés. “A política que están a realizar está vencellada ao amiguismo. Un exemplo é a da asociación que queren que xestione o edificio do cárcere”.

• Candidata á alcaldía da Coruña

“Practicamente, dedícolle todo o meu tempo á miña responsabilidade, que é dicirlles aos coruñeses que son a mellor opción para gobernar a cidade da Coruña co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e situar a cidade como referente no marco europeo”. 

“Fai falta o tempo, porque é necesario para todos. Eu teño que coñecer o máximo posible, e por boca dos coruñeses, o que precisan barrio por barrio. Tamén para coñecer todos os sectores destacados na nosa cidade. Hai que ter unha perspectiva ‘macro’ da cidade. Eu necesito ese tempo para que me coñezan e para construír o proxecto de cidade compartida”. 

“O meu principal aval é o amor que sinto pola cidade. O segundo é a experiencia, levo 10 anos traballando na Xunta de Galicia”. 

“Esta cidade ten un goberno paralizado, que está paralizando todas as actividades que se debían estar facendo na Coruña”. 

• Conflitos e problemas de xestión no Concello

“O actual Goberno ás veces non sabe nin cumprir as normas. Non pode ser que saque un concurso e que incumpra a lei. Hai unhas normas que hai que seguir”. 

“Se se fai un concurso para mercar seis vivendas, que esa é toda a súa política social, para darlle ás familias con problemas, son vivendas de 50 metros e non locais comerciais propiedade dun amigo da Marea”. 

“Calquera que estea na Administración sabe que se teñen que cumprir as normas. Non se pode poñer nun concurso un condicionante segundo a condición sexual”. 

“A política que están a realizar está vencellada ao amiguismo. Un exemplo é a da asociación que queren que xestione o edificio do cárcere”. 

“Non é cuestión de que conecten ou non coa cidadanía, é que A Coruña naceu moito antes ca eles e ten unhas tradicións que hai que respectar. Iso foi o que pasou coa alfombra floral. Non é tanto unha cuestión de conexión, senón de ideoloxía”. 

“A cidade da Coruña é moi traballadora e moi pacífica. A xente está por riba dos conflitos que se poidan dar no Concello”. 

“O que ten que facer un goberno municipal é non estorbar e facer as cousas ben. Hai que dar as licenzas pronto, tramitar os proxectos con axilidade, etc”.

“O Goberno municipal volveu ratificar preto de 160 prazas de comisións de libre adxudicación, e esas prazas son irregulares despois de dous anos, só teñen 2 anos de vixencia”. “É unha falta máis de xestión”.

• A Coruña como cidade diversa e cultural

“Hai que respectar e impulsar esa diversidade. Non estou tan de acordo con que a cultura estea a ser un referente coa actual xestión cultural. A programación da Ópera que tiñamos antes era moito máis extensa”. “A Coruña ten a sorte e a fortuna de poder aproveitar unha figura de referencia, como é Picasso”. “Se o que chamas aporar pola cultura é apostar pola cultura dos seus, pois igual si, pero esa non é o apoio á cultura que penso que precisa a cidade”. 

“O que hai que facer co porto é decidir entre todos o que queremos facer aí. É un tema de máxima relevancia”. “Non se poden xerar artificios con ese tema”. 

• Desafíos da cidade para os vindeiros anos

“A cidade ten que espertar e ten que moverse xa. O Goberno está paralizado e é importante espertalo”. “Non hai que facer extraordinario o cotián”. “Temos que crear un proxecto que garanta a cohesión social, a igualdade de oportunidades, que poña A Coruña como un referente no emprego”. 

Fuente: Televisión de Galicia. Entrevista do ‘Bos Días’